BASES DA CAMPAÑA

  1. ORGANIZACIÓN

A campaña “Experiencia Ferrari en Monforte 2026” está organizada pola Asociación Centro Comercial Urbano de Monforte de Lemos (CCU Monforte), co obxectivo de dinamizar o comercio local e incentivar o consumo nos establecementos asociados.

Esta actividade está cofinanciada pola Xunta de Galicia e conta coa colaboración do Concello de Monforte de Lemos.

  1. OBXECTO DA CAMPAÑA

A campaña “Experiencia Ferrari en Monforte 2026” ofrece a posibilidade de gañar unha experiencia de condución dun Ferrari F430 F1.

A experiencia consistirá nun traxecto aproximado de 15 quilómetros, con saída e chegada en Monforte de Lemos, en dirección á zona de Sober, cunha duración aproximada de 15 minutos (ida e volta), sempre baixo a supervisión dun monitor profesional.

Trátase dunha experiencia de condución real en estrada.

  1. DURACIÓN DA CAMPAÑA

A campaña desenvolverase conforme ás seguintes datas:

O período de validez dos tickets de compra comprenderá do 24 de abril ao 12 de maio de 2026, ambos incluídos.

O período de rexistro de tickets na páxina web estará aberto do 27 de abril ao 12 de maio de 2026 ás 24:00 horas.

Non se admitirán tickets nin rexistros realizados fóra destes prazos.

  1. PARTICIPANTES

Poderán participar todas aquelas persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos:

  • Ser maiores de idade no momento da realización da experiencia (16/05/2026).
  • Dispoñer de permiso de condución vixente na data da actividade.
  • Rexistrarse correctamente na páxina web oficial da campaña:

www.experienciasccumonforte.com/registro

 

  1. COMO PARTICIPAR

Para participar na campaña será necesario rexistrarse previamente na páxina web oficial e subir os tickets de compra realizados en establecementos asociados ao Centro Comercial Urbano de Monforte.

Cada participante disporá dunha “Cesta da Compra” na que se irán acumulando os importes dos tickets válidos rexistrados.

Cantos máis tickets se rexistren e maior sexa o importe acumulado, maiores serán as posibilidades de que a “Cesta da Compra” se sitúe entre as cinco de maior valor e, por tanto, de obter directamente un dos premios sen necesidade de participar en sorteos.

  1. REQUISITOS DOS TICKETS

Para que os tickets sexan considerados válidos deberán cumprir as seguintes condicións:

  • Proceder de establecementos asociados ao Centro Comercial Urbano de Monforte.
  • Estar emitidos dentro do período de validez da campaña.
  • Ter un importe mínimo de 10 euros.

No caso de superar os 100 euros, computarán como máximo por ese importe a efectos da campaña*

*Este límite establécese co fin de equilibrar as posibilidades de participación entre clientes de diferentes tipos de establecementos asociados, evitando que compras de importe elevado poidan desvirtuar a natureza da campaña.

A interpretación da validez dos tickets corresponderá en exclusiva á organización.

Os participantes deberán conservar os tickets orixinais, que poderán ser requiridos pola organización en calquera momento para a súa comprobación. A non presentación dos tickets orixinais no caso de resultar premiado implicará a perda automática do dereito ao premio.

  1. REQUISITO MÍNIMO DE PARTICIPACIÓN

Para que unha participación sexa considerada válida, será necesario rexistrar un mínimo de tres tickets correspondentes a tres establecementos distintos, cun importe mínimo de 10 euros cada un.

Isto supón un gasto mínimo total de 30 euros repartidos en tres establecementos diferentes.

O cumprimento deste requisito será imprescindible tanto para optar aos premios directos como para participar nos sorteos previstos na campaña.

  1. LISTADO DE PARTICIPANTES E RANKING

Na páxina web oficial da campaña (www.experienciasccumonforte.com) publicarase un listado actualizado dos participantes xunto co importe acumulado das súas respectivas “Cestas da Compra”.

Este listado actualizarase cunha periodicidade diaria aproximada, ao remate de cada xornada, e non terá carácter de actualización en tempo real.

No caso de que un participante non cumpra os requisitos mínimos establecidos nestas bases, aparecerá xunto ao seu nome o indicador “NON OK”.

A ausencia deste indicador implicará, de forma provisional, o cumprimento dos requisitos, sen prexuízo da validación final por parte da organización. O feito de non aparecer como “NON OK” non supón en ningún caso a validación definitiva da participación.

Os datos reflectidos neste ranking teñen carácter meramente informativo e poderán ser revisados e modificados durante o proceso de validación.

A organización resérvase o dereito de modificar a forma de visualización do ranking durante o desenvolvemento da campaña, incluída a posibilidade de ocultar parcial ou totalmente os importes acumulados, por motivos organizativos ou estratéxicos, garantindo en todo caso a igualdade de condicións entre os participantes.

  1. SISTEMA DE PREMIOS

Na presente campaña repartiranse un total de oito experiencias de condución, que se poderán obter a través de tres vías diferenciadas:

  1. En primeiro lugar, cinco experiencias asignaranse de forma directa ás cinco persoas que, estando rexistradas na páxina web e cumprindo os requisitos establecidos, acaden as cinco “Cestas da Compra” de maior importe ao remate da campaña.

En caso de empate, terá prioridade o participante que acadase antes o importe final, tomando como referencia o rexistro interno do sistema.

No caso de que algún dos participantes inicialmente premiados non cumpra os requisitos ou non poida gozar do premio, este pasará automaticamente ao seguinte participante da clasificación por orde de importe acumulado, sempre que cumpra coas condicións establecidas.

  1. En segundo lugar, dúas experiencias asignaranse mediante sorteo entre todos os participantes rexistrados na páxina web que cumpran os requisitos mínimos establecidos. Este sorteo realizarase unha vez finalizado o período de rexistro e tras a validación das participacións. Xunto cos gañadores, extraerase unha relación de suplentes que substituirán aos premiados en caso de renuncia ou incumprimento das condicións.
  2. En terceiro lugar, unha última experiencia asignarase o propio día da actividade, o 16 de maio de 2026, mediante un sorteo presencial:

Para este efecto, habilitarase unha urna na zona das “Casitas” (Pza. da Compañía), lugar de saída e chegada do vehículo. Os participantes poderán depositar tickets de compra nos seguintes horarios: de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 16:30 horas.

Cada ticket depositado equivalerá a unha participación e deberá incluír de forma clara o nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto do participante.

O sorteo realizarase en directo ás 16:30 horas, en lugar visible e anunciarase publicamente, sendo condición indispensable estar presente no momento da súa celebración. No caso de non atoparse presente, o premio asignarase ao seguinte participante extraído.

Esta modalidade constitúe unha vía independente e adicional de participación dixital na campaña. A participación nesta modalidade presencial non require estar rexistrado previamente na páxina web da campaña nin cumprir o requisito mínimo de tres tickets en tres establecementos distintos.

Será suficiente con depositar un ticket válido conforme ás datas establecidas nestas bases, correspondendo cada ticket a unha participación independente no sorteo.

En ningún caso unha mesma persoa poderá obter máis dun premio.

  1. VALIDACIÓN E CONTROL

Unha vez finalizado o período de rexistro, a organización procederá á revisión e validación de todas as participacións.

Este proceso poderá incluír a comprobación dos tickets rexistrados, a solicitude dos tickets orixinais e a verificación do cumprimento dos requisitos establecidos nas presentes bases.

A organización resérvase o dereito de anular calquera participación que presente irregularidades, tales como a falsificación ou manipulación de tickets, rexistros fraudulentos ou calquera outra práctica que poida desvirtuar o normal desenvolvemento da campaña.

A decisión da organización en relación coa validación das participacións será definitiva e inapelable.

  1. LIMITACIÓNS DE PARTICIPACIÓN

Co fin de garantir a igualdade de condicións entre participantes, establécense as seguintes limitacións:

Os propietarios e empregados de establecementos asociados ao CCU Monforte non poderán participar empregando tickets do seu propio establecemento.

Non obstante, si poderán participar utilizando tickets doutros establecementos asociados.

A organización poderá adoptar as medidas oportunas no caso de detectar comportamentos que alteren o equilibrio ou a transparencia da campaña.

 

 

  1. A EXPERIENCIA

O premio consiste nunha experiencia de condución real dun Ferrari F430 F1 en estrada aberta, baixo supervisión dun monitor profesional.

A actividade desenvolverase en condicións controladas e conforme ás normas establecidas pola empresa responsable da mesma.

Para poder gozar da experiencia, será obrigatorio cumprir as condicións establecidas pola empresa organizadora e asinar a documentación correspondente, na que se recollen as condicións de participación e responsabilidade.

  1. HORARIOS DA EXPERIENCIA

A experiencia terá lugar o sábado 16 de maio de 2026, nos seguintes tramos horarios:

  • De 10:00 a 12:00 horas en horario de mañá.
  • De 16:00 a 18:00 horas en horario de tarde.

A organización asignará a cada participante o seu horario concreto.

Os premiados deberán acudir no horario indicado. En caso de non asistencia, perderán o dereito ao premio.

  1. COMUNICACIÓN DOS GAÑADORES

Unha vez finalizada a campaña e completado o proceso de validación, a organización procederá á determinación dos gañadores.

Os premiados serán contactados directamente a través dos datos facilitados durante o rexistro, realizándose polo menos dous intentos de contacto.

No caso de que un gañador non responda ou non poida ser localizado nun prazo máximo de 24 horas desde o primeiro intento de contacto, entenderase que renuncia ao premio, pasando este ao seguinte participante correspondente segundo o establecido nas presentes bases.

A identidade dos gañadores poderá ser publicada nos medios oficiais do CCU Monforte nos días previos á celebración da experiencia.

  1. CARÁCTER DOS PREMIOS

Os premios son persoais e intransferibles, non podendo ser cedidos a terceiros nin substituídos por diñeiro ou outros bens.

En caso de renuncia ou imposibilidade de goce do premio, este será asignado aos correspondentes suplentes segundo o establecido nas presentes bases.

  1. DEREITOS DE IMAXE

A participación na campaña implica a autorización ao CCU Monforte para captar e utilizar imaxes, tanto fotográficas como audiovisuais, dos participantes e premiados.

Estas imaxes poderán ser utilizadas en calquera soporte ou medio de comunicación, incluíndo páxina web, redes sociais, medios de comunicación e materiais promocionais, tanto durante o desenvolvemento da campaña como con posterioridade á mesma, con fins exclusivamente promocionais.

  1. PROTECCIÓN DE DATOS

Os datos persoais facilitados polos participantes serán utilizados exclusivamente para a xestión da presente campaña.

Non serán cedidos a terceiros nin empregados con fins comerciais alleos á mesma.

Os participantes poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición mediante comunicación ao CCU Monforte.

Unha vez finalizada a campaña e realizadas as comprobacións e análises correspondentes, os datos serán eliminados conforme á normativa vixente en materia de protección de datos.

  1. ACEPTACIÓN DAS BASES

A participación na campaña implica a aceptación íntegra das presentes bases.

Recoméndase a todos os participantes a lectura completa das mesmas antes de iniciar a súa participación.

  1. MODIFICACIÓNS

A organización resérvase o dereito de modificar ou cancelar a campaña por causas xustificadas ou de forza maior.